Presentamos alegacións ao orzamento de Bergondo para o 2017

David Carro é o portavoz do BNG de Bergondo

O BNG presentará alegacións ao orzamento para o 2017 aprobado inicialmente polo Pleno. O goberno local aproba as contas sen dalas a coñecer antes á veciñanza e sen a seguridade de incluír as propostas recollidas no proceso de participación veciñal

Presentamos alegacións ao orzamento de Bergondo para o 2017

Bergondo, 12 de xaneiro de 2017. O BNG presentará alegacións ao orzamento para o 2017 aprobado inicialmente polo Pleno. “O goberno local aproba as contas sen dalas a coñecer antes á veciñanza e sen a seguridade de incluír as propostas recollidas no proceso de participación veciñal”, indicou o portavoz nacionalista David Carro. 

"Para o BNG a participación é máis que facer asembleas ou recoller suxestións cuns buzóns” explica o voceiro nacionalista. “O goberno local debía presentar os orzamentos a veciñanza antes de aprobalos, responder ás propostas e indicar os motivos das que non inclúen, se é unha imposibilidade técnica ou económica, así como a vontade de realizala ou non nun futuro” prosegue. “Temiámonos que non ía ser así cando fan as asembleas en novembro, era imposíbel ter en conta as suxestións en pouco máis dun mes”, expuxo Carro.

O BNG valora positivamente que se inclúa unha partida no orzamento para a reparación do camiño da Veiga, en Guísamo. “É unha obra que demandamos en numerosas ocasións” explica Carro. “Tamén nos parece positivo habilitar un espazo para a mocidade, que a teñen abandonada, o que fai que os mozos e mozas se vaian a localidades veciñas” engaden desde o BNG. “A Casa da Mocidade parécenos moi interesante se vai acompañada dunha programación de actividades estábel, se simplemente vai ser outro local social infrautilizado como os das parroquias non lle vemos sentido”, explicou o voceiro nacionalista. 

Desde o BNG explican que non atopan no orzamento ningún dos proxectos prometidos na firma do pacto de goberno. “Sen entrar en se estamos máis ou menos de acordo con algunhas destas actuacións, son promesas que o novo goberno local fixo a veciñanza e que incumpren xa no seu primeiro orzamento, xa que non se reflexa ningunha”

Coa nova estrutura de goberno e a entrada de Anova para fortalecer o goberno local do PSOE prodúcese un incremento importante dos gastos para órganos de goberno, a maiores do incremento de salario da concelleira de cultura que non se xustifica polo pacto de goberno. “O gasto en dedicacións de concelleiros é de 123 709 euros  mentres que o programa de fomento do emprego enteiro son 61 162 euros, é dicir que nos gastamos en manter as liberacións máis do dobre que en fomento do emprego”, criticou o portavoz nacionalista, recordando a alta taxa de paro do municipio.

Os nacionalistas criticaron tamén o excesivo gasto en festas ou en gastos protocolarios. Neste sentido, indican que os 17 000 euros previstos para a biblioteca municipal non abondan para cubrir a falta de persoal. “O resultado é que pecha por vacacións do persoal ou que os ordenadores non funcionan, pero o goberno local funde 12 000 euros en paparotas en lugar de mellorar a biblioteca”, relata. “Éranos mellor que o goberno local se deixara de pan e circo e investise en cultura”, engaden desde o BNG.

Desde o BNG explican que non atopan no orzamento ningún dos proxectos prometidos na firma do pacto de goberno. “Nin un céntimo para a recuperación ou compra dalgún castro que prometían, nin para o  paseo marítimo, nin para a recuperación do  pazo de Baldomir, nin para a construción da biblioteca pública, nin para centro de día, nin para o viveiro de empresas, nin nada de fachada litoral nin investimento ningún para o Pedrido, nin paseo fluvial no río Maior, nin zona verde no polígono, nin para o Regueiro, nada para a reitoral de Guísamo e tampouco a mellora das instalacións deportivas da Senra” enumeran. “Nin se produce ese aumento nas inversión anunciadas” engaden.

“Sen entrar en se estamos máis ou menos de acordo con algunhas destas actuacións, son promesas que o novo goberno local fixo a veciñanza e que incumpren xa no seu primeiro orzamento, xa que non se reflexa ningunha” explican. Neste sentido, explican que o orzamento amosa que non medran as inversións un 40% como anunciaran senón “tan só o 20%, non nos parece ético tratar de enganar á veciñanza”, engadiu David Carro, quen botou tamén en falta partidas para temas moi importantes como a loita contra a violencia machista.

“Cuestións como a privatización de servizos, no que o total do gasto que se contrata a empresas privadas é de 1 794 350 € dun orzamento de 6,6€, ou as subvencións nominativas, seguen a repetirse un ano máis sen que este previsto facer algo por reverter a situación”, concluíu.

Presentamos alegacións ao orzamento de Bergondo para o 2017