O BNG demanda a implicación do goberno local de Bergondo na creación de emprego

O BNG critica que o borrador de orzamentos do PSOE prevea un gasto de só 59.469,68€ para fomento do emprego.

O BNG demanda a implicación do goberno local de Bergondo na creación de emprego

Bergondo, 22 de xaneiro de 2015. O BNG critica que o borrador de orzamentos do PSOE prevea un gasto de só 59.469,68€ para fomento do emprego. “Mentres o gasto en promoción do deporte é de 137.500€ e en festas e festexos populares xa gastan 36.500€, para fomento do emprego reservan unha partida máis que discreta”, criticou David Carro, do BNG de Bergondo.

“Segundo os últimos datos, de decembro de 2014, no noso concello temos 543 persoas desempregadas. É unha das porcentaxes máis altas de toda a comarca e pensamos que debera ser a prioridade para o goberno local”. Deben pensar que a xente desempregada de Bergondo vai atopar traballo como deportista de elite; podían propoñer trasladar aquí o centro galego de tecnificación deportiva” ironizou Carro.

No 2.013, último exercicio liquidado, o Concello de Bergondo non invertiu nada dos 36.500€ que tiña reservado no orzamento para fomento do emprego, “mentras se permitiu o luxo de cancelar a feira Incoart (feira de industria, comercio e artesanía), o único que realizaban como promoción do emprego”. “Curiosamente o Concello escudouse na falta de fondos para cancelar a feira, cando logo vemos que lles sobraron os cartos. Deberían dar explicacións” afirmou o portavoz nacionalista.

“É un escandalo que deixen sen executar o previsto no orzamento para fomento do emprego sendo o concello coa taxa de desemprego máis alta da comarca”

“Este goberno do PSOE, ao que de 'obreiro' parece quedarlle só a sigla, demostra estar falto de ideas e de ganas por axudar a rematar coa lacra do desemprego no municipio” lamentan desde o BNG bergondés. “O desemprego é a principal preocupación dos nosos veciños e veciñas e sen embargo o goberno do PSOE non apoia outras iniciativas que presentamos desde o Bloque e privatiza case que todos os servizos municipais para único beneficio das concesionarias”, lamentan.

O BNG demanda a implicación do goberno local na adopción de medidas que axuden a crear emprego, e que apoie todas aquelas iniciativas neste sentido. “Hai dous anos presentamos unha iniciativa para a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do antigo Ligal, hoxe en desuso, e non tiveron a ben nin debatela”, lamenta Carro.

O BNG demanda a implicación do goberno local de Bergondo na creación de emprego