O BNG-AA de Bergondo presentou as súas alegacións para mellorar o regulamento de participación

Imaxe das alegacións do BNG que se rexistraron onte

O BNG-Asembleas abertas presentou hoxe as súas propostas para mellorar regulamento de participación cidadá aprobado polo PSOE e Anova e que se encontra en período de exposición pública.

O BNG-AA de Bergondo presentou as súas alegacións para mellorar o regulamento de participación

Bergondo, 23 de marzo de 2016. O BNG-Asembleas abertas presentou hoxe as súas propostas para mellorar regulamento de participación cidadá aprobado polo PSOE e Anova e que se encontra en período de exposición pública.

As alegacións dos nacionalistas céntranse na inclusión do Regulamento dos “colectivos informais”, xa que o texto aprobado só recoñece os dereitos de participación e uso de locais públicos ás asociacións constituídas como tal e rexistradas no rexistro municipal de asociacións. “Hai moitos exemplos de colectivos que non son asociacións e que pensamos que deben ter dereito á participación desde Plataformas veciñais para a defensa dun interese concreto a colectivos cidadás como puido ser no seu dia o 15M, pasando por comunidades de propietarios ou veciñanza dunha rúa ou parroquia para falar de problemas comúns como saneamento ou alumeado”, explicou o portavoz do BNG-AA, David Carro. “Ningún deses colectivos son asociacións mais pensamos que é xusto se lles dea capacidade para falar e defender as súas propostas ou críticas para uso de locais públicos e demais dereitos que recoñece o regulamento”.

Por outra banda, desde o BNG piden que o Consello de participación veciñal, figura que se crea con este documento teña unhas funcións definidas e capacidade para informar os debates importantes para o Concello. “Crease un Consello veciñal mais non se di de forma clara cales son as súas competencias nin función, nin en que asuntos pode intervir. Desde o BNG pensamos que para que exista unha participación real este Consello debe informar preceptivamente os asuntos de importancia do noso Concello como o PXOM, os orzamentos ou os cambios nas taxas”, indicou o voceiro do BNG. Os nacionalistas reclaman tamén unha frecuencia concreta para as reunións deste organismo.

“No texto aprobado polo PSOE e Anova falase tamén do financiamento das asociacións mediante subvencións, e pese a que estas subvencións contan cunha lei da Xunta que as ordena, a realidade é que en Bergondo o groso das subvencións con cartos públicos danse por convenios nominativos, é dicir, ‘a dedo’”, engadiu Carro. “Nos pedimos que se regule a concesión das subvencións e que se fagan mediante ordes de subvencións segundo as actividades das mesmas -culturais, deportivas, asistenciais...- cuns criterios obxectivos.

“Pedimos que se suprimiranse os convenios nominativos agás nos casos xustificados nos que so exista unha asociación no ámbito de actuación – por exemplo a ANPA- e que os cartos destinados a convenios nominativos se inclúan nas ordes de subvencións”, concluíu o voceiro nacionalista, “adxudicar as subvencións segundo o criterio da alcaldesa só fomenta o caciquismo e o control dos movementos sociais”, criticou.

O BNG-AA de Bergondo presentou as súas alegacións para mellorar o regulamento de participación