Pedimos asociar as axudas de natalidade aos ingresos

Carlos Díaz é o portavoz do BNG en Aranga
Carlos Díaz é o portavoz do BNG en Aranga

A axuda debe asociarse á capacidade económica das familias; só así será xusta. Desde que se aprobaron estas axudas, en 2009, a poboación de Aranga arrastrou caídas ano tras ano. O que necesitamos é garantir servizos, como o da escola na Castellana, e iso depende do fin da política de recortes do PP.

Pedimos asociar as axudas de natalidade aos ingresos

Aranga, 15 de xaneiro.- O BNG de Aranga ven de anunciar que presentou alegacións á ordenanza de fomento de natalidade. As súas suxestións chegan despois de que o plenario acordase o día 29 de decembro a segunda reforma da ordenanza de fomento de natalidade en apenas ano e medio. “Celebramos o cambio, se é para dar maior seguridade xurídica aos solicitantes da axuda”, declarou Carlos Díaz, portavoz do BNG local, “pero cremos que aínda hai marxe para mellorar o texto da ordenanza, asociando a axuda económica ao nivel de renda das persoas solicitantes”.

En efecto, desde o BNG aseguran que a norma, tal como está redactada, non garante que as familias máis necesitadas reciban o apoio económico do concello, polo que solicitaron que a ordenanza teña en conta “a capacidade económica, dando maiores axudas a quen máis as necesita”, resume Díaz.

O grupo nacionalista mostrouse crítico, ademais, co que chaman “o modelo das axudas por natalidade do PP”, ao entender que “non están a solucionar o declive demográfico do noso concello”, en palabras do portavoz do BNG. Para os nacionalistas, a importante diminución de poboación de Aranga é un reflexo, por un lado, da incapacidade e da falta de ideas do goberno local para dinamizar o territorio e facer de Aranga un concello de oportunidades, e por outro lado, un problema social agravado polas as “políticas de austeridade practicadas polo PP en Madrid e na Xunta”, que estarían a reducir servizos no ámbito rural e que “non garanten”, afirma Díaz, “a igualdade de oportunidades entre o hábitat urbano e o rural”.

O voceiro nacionalista, con todo, avanzou que “non estamos en contra de axudar as familias, pero entendemos que o modelo de axudas do PP é ineficiente e pouco ambicioso”. Para mostra, afirma Díaz, “basta ver a evolución da poboación aranguesa, en caída libre”, antes e despois da aprobación da ordenanza de 2009.

E é que para o BNG, este crecemento negativo da poboación aranguesa non se explica porque non haxa axudas públicas á natalidade, senón porque “o Concello non fai nada polos seus veciños, non mellora a calidade de vida nin sabe ofrecer nada que non ofrezan os concellos veciños ou a cidade da Coruña”. O grupo local do BNG insiste en que a receita para fixar poboación pasa por “garantir servizos, como o da escola na Castellana, e iso depende do fin da política de recortes do PP”.