Reclamamos paneis de información social nas parroquias

Carlos Díaz é o portavoz do BNG en Aranga
Carlos Díaz é o portavoz do BNG en Aranga

A colocación de paneis favorecerá a difusión da información oficial e social, contribuíndo así á liberdade de expresión. Suxerimos que se coloquen paneis nos centros de saúde da Castellana e Muniferral, así como proximidades dos locais sociais das seis parroquias do municipio.

Reclamamos paneis de información social nas parroquias

Aranga, 7 de marzo. O BNG rexistrou hoxe unha iniciativa co obxectivo de demandar a instalación de novos paneis de comunicación social en emprazamentos visíbeis e transitados. A formación nacionalista demanda  paneis para a comunicación social que poidan ser usados por asociacións, partidos, sindicatos, comisións de festas e industrias culturais, entre outros, para daren a coñecer convocatorias das actividades que desenvolven.

Súmase a esta petición outra case idéntica, a da asociación veciñal da parroquia de Vilarraso, que solicitará paneis para esta parroquia. Desde o BNG manifestan o seu “total apoio” a esta iniciativa, se ben manifestan que a colocación dos paneis debera ser unha iniciativa pública, do propio concello e non das asociacións veciñais, por moito que estas reciban subvención para ese fin”, declarou Díaz.

A agrupación nacionalista afirma que a colocación de paneis é unha “necesidade obxectiva” no concello, onde non existirían máis puntos de información que os do propio taboleiro da Casa do Concello. O BNG móstrase disposto a reclamar a instalación dos puntos de información social “as veces que faga falta, até que que os instale o Concello. Non descartamos, se for necesario, acudir ao Valedor para que faga valer este dereito á liberdade de expresión no noso concello”, advertiu Díaz.

Desde o BNG, pídese que os paneis se coloquen “nas entradas dos centros de saúde da Castellana e Muniferral, así como proximidades dos locais sociais das seis parroquias do municipio”.

Por último, o responsábel do BNG, engade que os paneis contribuirán ademais a evitar prácticas habituais en Aranga, como pegar carteis en árbores ou en contedores, a falta de outra alternativa”.