O BNG critica a xestión escurantista do goberno local

Carlos Diaz, é o portavoz do BNG en Aranga
Carlos Diaz, é o portavoz do BNG en Aranga

O boletín oficial da provincia da Coruña publicaba onte 6 de xuño a constitución da Comisión Informativa Municipal de Urbanismo do Concello de Aranga. O BNG de Aranga, sen representación na corporación, é a única formación que ten manifestado publicamente a súa oposición aos dous proxectos de modificación do PXOM propostos polo goberno de Alberto Platas.

O BNG critica a xestión escurantista do goberno local

Aranga, 7 de xuño. O boletín oficial da provincia da Coruña publicaba onte 6 de xuño a constitución da Comisión Informativa Municipal de Urbanismo do Concello de Aranga. O BNG de Aranga, sen representación na corporación, é a única formación que ten manifestado publicamente a súa oposición aos dous proxectos de modificación do PXOM propostos polo goberno de Alberto Platas.

O grupo nacionalista detecta en primeiro lugar un erro material no edicto, xa que nel se fala do pleno de decembro de 2017, celebrado en realidade o día 19 de decembro e do que, por outro lado, non hai acta publicada a día de hoxe.

“Entendemos que a Intervención está a falar do pleno celebrado o 2 de marzo de 2018, a única acta pública desde o 28 de abril de 2016”, intúe o portavoz nacionalista Carlos Díaz.

Por outro lado, os nacionalistas celebran que “dous anos despois, volva a ser pública a acta dun pleno, pero lamentamos que o goberno opte pola fórmula da comisión, en lugar de informar directamente no pleno e nun horario que facilite a asistencia veciñal.”

As nacionalistas valoran a creación da comisión como “unha manobra política para ocultar deliberacións e posicionamentos dos diferentes grupos sobre asuntos de especial importancia para a veciñanza”. O responsable local do BNG, Carlos Díaz, que considera positiva a creación da comisión, cuestiona a vontade real do goberno de Platas en dar maior transparencia á xestión de asuntos de “tanto calado como as modificacións do PXOM”.

“Se tanto interese ten o goberno en informar sobre as xestións no Polígono ou na Rede Natura, sería máis lóxico publicar as novidades na web e levalo a pleno, para que a deliberación fose pública”.

Desde o BNG de Aranga declaran descoñecer os datos concretos sobre os que informará o alcalde en comisión, pero recorda que xa existen informes “demoledores” da Consellaría de Medio Ambiente que demostran que a modificación do PXOM proposto e que afectaría á Rede Natura “é unha auténtica barbaridade e un atentado ecolóxico”, declara Díaz.

Se algo ten demostrado a xestión de Alberto Platas, ademais da súa falta de transparencia, é que “a lei non é igual para todos” e que está disposto a renunciar a protexer un 9% do territorio de Aranga “a cambio de nada, ou peor, a cambio de perder un importante patrimonio natural e paisaxístico”, manifestou o portavoz nacionalista.