Denunciamos ante a valedora do pobo as dificultades para obter copia do Plan Parcial de San Marcos

Resultado do desenvolvemento urbanístico en San Marcos (Imaxe de La Opinión A Coruña)
Resultado do desenvolvemento urbanístico en San Marcos (Imaxe de La Opinión A Coruña)

O BNG de Abegondo denunciou ante a valedora do pobo as dificultades que o concello provoca para obter copia do Plan Parcial de San Marcos, actualmente en información pública.

Denunciamos ante a valedora do pobo as dificultades para obter copia do Plan Parcial de San Marcos

Abegondo, 15 de abril de 2017. O BNG de Abegondo denunciou ante a valedora do pobo as dificultades que o concello provoca para obter copia do Plan Parcial de San Marcos, actualmente en información pública.

“Os pasados días xoves 30 de marzo e luns 3 de abril de 2017 publicábanse no Boletín Oficial da provincia da Coruña anuncios do Concello de Abegondo de aprobación inicial do expediente de reparcelamento por cooperación do polígono UU-R13 solo urbano non consolidado e de aprobación inicial modificación planeamento de ordenación urbanística, que se refiren ao Plan Parcial de San Marcos”, explicou a portavoz do BNG en Abegondo, Cristina López. “Nestes anuncios indícase que se somete a información pública polo prazo de dous meses e que  estará a disposición na sede electrónica do concello, mais na web esta información non está dispoñíbel”.

“O 13 de abril os citados expedientes seguían sen atoparse na páxina web do concello e despois de dirixirnos persoalmente ao concello de Abegondo o venres día 7 e solicitar copia desta documentación, indicóusenos que tiñamos que efectuar esta petición por escrito. Pasados 8 días seguimos sen ter copia desta documentación que está en período de información pública polo que presentamos unha queixa ante a valedora do pobo e pedimos ao concello que empecen a contar de novo os prazos”, engadiu a portavoz nacionalista.

“Non é a primeira vez que esta situación se produce no concello de Abegondo, situación facilmente constatábel se se comparan as publicacións da páxina web cos anuncios publicados nos diarios oficiais como sucedeu coa información pública dos orzamentos municipais ou das taxas por expedición de documentación no último ano”, criticou Cristina López, “pedimos ao goberno local que cumpra a lexislación e non dificulte a participación da veciñanza”.