O BNG solicita nas súas alegacións a derrogación da taxa por denuncias urbanísticas

BNG presentou hoxe as súas alegacións á  taxa por denuncias urbanísticas nas que solicita a súa derrogación.

O BNG solicita nas súas alegacións a derrogación da taxa por denuncias urbanísticas

Abegondo, 4 de maio de 2016. O BNG presentou hoxe as súas alegacións á  taxa por denuncias urbanísticas nas que solicita a súa derrogación. “O goberno local di que é para evitar que dous veciños pelexados se denuncien, mais para iso non hai que poñer unha ‘peaxe’”, explicou a  voceira nacionalista, Cristina López no momento de presentar as alegacións contra esta nova taxa.

“Con esta taxa o goberno do PP faille un flaco favor ao interese xeral da veciñanza e ao cumprimento da legalidade”, incidiu a nacionalista. Desde o BNG explican que a nova figura taxa servirá para limitar o dereito dos cidadáns a que se garanta a correcta aplicación da normativa urbanística cun fin puramente recadatorio.

Ademais, o BNG teme que a medida impulsada polo goberno do PP e apoiada de forma unánime pola Corporación busca “facerlle a vida máis doada a quen incumpre a normativa”. “Se non todo o mundo pode denunciar porque hai que pagar cen euros, quen salta as normas pode estar máis tranquilo porque non lle van ir parar a obra irregular” explica López. “Sobre todo se é da corda do alcalde” ironiza

Desde o BNG cuestionan que se impoña esta taxa de cen euros para evitar que non todo o mundo poida impulsar a intervención do Concello para garantir o cumprimento da normativa urbanística “cando o goberno do PP mira para outro lado”.

 

Desde o BNG explican que a nova figura taxa servirá para limitar o dereito dos cidadáns a que se garanta a correcta aplicación da normativa urbanística cun fin puramente recadatorio

 

Por este motivo, esta mañá o BNG presentou as súas alegacións contra esta taxa, demandando que se derrogue de forma que calquera veciño poida denunciar os incumprimentos da normativa urbanística. Explican, ademais, que “colectivos como gabinetes xurídicos ou o colexio de avogados da Coruña coinciden na análise que facemos no BNG desta medida que vai contra o interese público”.

Alegacións realizadas sobre unha certificación do acordo plenario

“En teoría o expediente da nova taxa tería que estar exposto á veciñanza desde que saíu o anuncio no BOP para que calquera o puidese consultar e formular alegacións, mais tivemos que facelo en base a un certificado do acordo plenario” explica Cristina López. “O lóxico sería que os asuntos que están sometidos a información pública puideran consultarse na web do Concello pero que non estean nin sequera no taboleiro de anuncios e ao preguntar se nos dea unha certificación do acordo plenario é bastante surrealista”, criticou a portavoz nacionalista.

Os nacionalistas denuncian a “falta de transparencia e as barreiras a que calquera persoa poida coñecer participar das decisións do Concello, é imposíbel participar se non tes información”, concluíu.